A Música das buguinas é un espectáculo de teatro musical de Mamá Cabra e BellónMaceiras dirixido ao público familiar. Os músicos Daniel Bellón e Diego Maceiras levan anos poñendo en práctica os concertos didácticos de música tradicional. Sobre esta idea e a partir dun texto de Pepablo Patinho, nace A música das Buguinas. Unha proposta que nos ensina a amar e a coñecer a nosa música descubrindo como soan os diferentes instrumentos.A música das Buguinas é tamén un libro disco ilustrado por Leandro Lamas.
Roque é un neno de aldea que vive feliz compoñendo músicas cos sons que escoitaba da natureza: os distintos chíos dos paxariños, as pingueiras da choiva sobre os cacharros da sua avoa, sons de grilos, sons de paxaros, sons de cans, de gatos, sons de pitas, de ferramentas, de portas, sons de vento, de choiva, sons de persoas... Pronto Roque vai descubrir os sons da música primeiro da man da súa familia e despóis da veciñanza na sementeira da aldea. Sentirá unha especie de maxia que o enche todo... a música latexará dentro del e será a persoa máis feliz do mundo! Dende aquel día, Roque vai querer ser gaiteiro, tamborileiro, pandeireteiro...